Sunday 09 de June de 2024

O pavillón municipal de Brión acollerá este sábado o II Maratón Solidario de Zumba


Para participar só é preciso doar un quilo de alimentos para o programa municipal de recollida de alimentos Brión Solidario

O pavillón municipal de Brión acollerá este sábado 24 de xaneiro o II Maratón Solidario de Zumba, unha iniciativa solidaria organizada pola Piscina Cuberta Municipal de Brión en colaboración co Concello de Brión para recoller alimentos destinados ás familias máis vulnerables do municipio e que serán entregados a través do programa Brión Solidario. Trátase dunha clase aberta de Zumba, entre as 20:00 e as 21:00 horas, na que poden participar veciños e veciñas de todas as idades cunha única condición: doar un quilo de alimentos non perecedoiros e ben empaquetados para o programa Brión Solidario (pasta, legumes, cereais, leite, conservas, aceite, galletas…).

Para facilitar a participación do maior número de persoas, a Piscina Cuberta Municipal de Brión ofrecerá as súas instalacións para que os participantes poidan cambiarse antes da actividade e que poidan facer uso das duchas unha vez rematada a clase de zumba. A participación é totalmente libre e de balde, polo que non é preciso anotarse previamente.

Esta clase aberta de zumba é a primeira das moitas actividades solidarias que organiza a piscina municipal de Brión ao longo do ano, como o Día da Bicicleta ou as recollidas especiais no Nadal. O que se recade esta fin de semana permitirá completar a achega que o programa Brión Solidario ten previsto facer o vindeiro mes de marzo, para a que xa dispón dunha importante cantidade de alimentos grazas á extraordinaria solidariedade amosada pola veciñanza brionesa durante este Nadal, ás achegas realizadas pola Unión Deportiva Bastavales tras o seu triangular de fútbol e ás importantes contribucións que fai o Banco de Alimentos.